CUT denuncia unha fraude da CRTVG á Seguridade Social superior aos 4 millóns de euros

O sindicato cursou a denuncia perante a SS e Inspección de Traballo. Afirma que hai unha fraude concretada “en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 e 700 euros” nestes 4 anos por cada nómina de traballador da empresa.

crtvgBOA

O sindicato CUT (Central Unitaria de Traballadores) apresentou unha denuncia contra a Compañía de radio-televisión de Galiza (CRTVG) esta segunda feira en Inspección de Traballo e a Seguridade Social por, segundo sinala a central, “unha fraude concretada en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 € e 700 € na nómina de cada un do case milleiro de traballadores e traballadoras da empresa nos últimos 4 anos”.

A CUT lembra que a comezos do presente exercicio solicitara unha “regularización urxente”, algo que só se deu, afirma, nos primeiros meses e, contrariando a legalidade, fíxose detraéndolle cantidades aos propios traballadores e traballadoras que sofreron esta merma nas súas cotizacións”.

O incumprimento comezou en 2010, explica a CUT, “coa desobediencia empresarial do mandato do RDLei 8/2010, de 20 de maio, de continuar malia os recortes sostendo a cotización de maio dese ano, cunha tallada ilícita nas cotizacións do conxunto do persoal da empresa que agás excepcións, sofreu unha  importante rebaixa”.

A CUT pede o cesamento do director xeral e do seu equipo directivo

A central sindical demanda a “inmediata asunción de responsabilidades políticas por estes feitos gravísimos”. Porén, a propria central considera que de todos estes feitos só se pode derivar “o cese do Director Xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia e do seu equipo directivo como máximos responsables”.

O sindicato fai un chamado a todos os traballadores e traballadoras afectados “que cobraran a prestación de desemprego, maternidades, incapacidades, xubilacións, etc. -xa continúen en activo ou foran despedidos- a que presten atención ao curso desta denuncia, porque de prosperar abrirá unha vía incuestionábel para que recuperen os seus dereitos económicos perdidos”.

Comentarios