Folga de traballador@s en 5 diarios galegos na defensa dun "posto de traballo digno"

O persoal de El Ideal Gallego, DxT Campeón, Diario de Bergantiños, Diario de Ferrol e Diario de Arousa (Grupo La Capital) paran en defensa dos seus empregos, dunhas condicións laborais dignas e en demanda do cobro dos seus salarios.

Capital
photo_camera Foto: @pablomorgadefer

O paro decorrerá das 08:00 horas da sexta feira ás 08:00 horas do día seguinte e afecta a todos os departamentos, informan desde a CIG, que lembra que isto podería supoñer que ningunha destas cabeceiras estea nos quioscos o sábado, xa que a empresa conta con rotativa de seu o e persoal desta área tamén está chamado a secundar o paro.

En 2013 o grupo empresarial Editorial La Capital aprobou un ERE temporal que afecta á maior parte do seu cadro de persoal e que supuxo un recorte salarial para as traballadoras e traballadores de arredor do 30%. Esta situación repetiríase un ano despois, en xuño de 2014, cando a empresa presentou outra regulación temporal en condicións similares ao anterior. 

Após estes dous EREs consecutivos, Editorial La Capital acaba de anunciar o seu plan para despedir a metade do cadro de persoal mediante un expediente de extinción, un ERE que se aplicaría en xuño

Atrasos no pagamento

A isto engádese que desde hai máis de un ano o persoal padece constantes atrasos no pagamento dos seus salarios e recortes dos dereitos laborais. Todo isto, sinala a CIG, sen que o grupo Editorial La Capital teña presentado ningún plan de viabilidade que garanta a continuidade dos empregos e dos propios xornais que publica.

Concentracións na Coruña, Ferrol e Vilagarcía

Diante desta situación, unha ampla maioría das traballadoras e traballadores do grupo decidiron ir esta sexta feira á greve e convocar concentracións.  

A Coruña (El Ideal Gallego e DxT Campeón), concentración no Obelisco ás 12:00 horas.

Ferrol (Diario de Ferrol), concentración na Praza de Armas ás 11:00 horas.

Vilagarcía (Diario de Arousa), concentración ás 20:00 horas na Praza de Galiza.

Foto portada: Suso Bermello

Comentarios