Paros en Citroën contra a tiranía da competitividade e o medo

Na xornada na que se prevé a saída da factoría viguesa do vehículo número 12 millóns, CIG e CUT chamaron a se mobilizar contra as desmesuradas cargas de traballo e elevado ritmo de produción e a facer fronte ás coaccións da empresa.

Citroën_

Nesta terza feira prevese que saia da factoría PSA Citroën de Vigo o vehículo número 12 millóns. Motivo polo cal o presidente do grupo visita a planta viguesa acompañado de cargos do goberno galego. E unha xornada que CIG e CUT queren aproveitar para evidenciar a ‘tiranía e ditadura’ da competitividade que leva a que se establezan ritmos de produción demenciais ou elevadas cargas de traballo. Os paros convocados na planta viguesa de PSA Peugeot Citroën terán lugar esta terza feira de 9.00 a 11.00 horas na quenda de mañá, de 17.00 a 19.00 na de tarde e de 2.00 a 4.00 na de noite, xa na madrugada do día 6.

Mais a empresa, indican as dúas centrais, adicouse a exercer ameazas e coaccións sobre as e os operarios para que non secunden os paros, no que é, lembran, unha vulneración do dereito á folga. Por iso CIG CUT anunciaron que presentarán unha denuncia nos Xulgados contra a dirección de PSA Peugeot Citroën de Vigo. Como exemplo desa actuación, citaron a nota que repartiu a empresa na que sostén que os paros son convocados por “unha minoría” e que ten “carácter abusivo ao estenderse dúas horas en cada quenda de traballo”, ao tempo que advirte que “aquelas persoas que participen de forma activa na convocatoria poderían verse afectadas polas consecuencias dunha posible declaración de ilegalidade da mesma". A isto engádenlle o feito de que os encargados/as dos distintos departamentos están a realizar enquisas entre o persoal para saber quen vai secundar ou non a protesta, algo que atenta contra a liberdade de folga.

Esta folga por horas foi rexeitada polo resto de sindicatos con representación no comité (SIT-FSI, UGT e CCOO). CIG e CUT entenden que hai motivos de abondo para protestar: as altas cargas de traballo e os elevados ritmos de produción; a posta en marcha do Plan de Presentismo 2015; o desequilibrio das xornadas laborais, con casos nos que se traballa seis días á semana e unha media de nove horas diarias; o incremento desproporcionado das retribucións da dirección; e a presión psíquica á que se somete os traballadores coa aplicación de medidas desproporcionadas a nivel disciplinario.

Comentarios