O Castro e Marín, duelo fratricida para eludir o descenso no fútbol sala

Ambas as formacións loitan por non baixar a Segunda.
O Viaxes Amarelle de fútbol sala quere gañar para lograr a salvación. (Foto: Viaxes Amarelle).
photo_camera O Viaxes Amarelle de fútbol sala quere gañar para lograr a salvación. (Foto: Viaxes Amarelle).

A Primeira División de Fútbol Sala Feminino foi, ao longo da presente tempada 2023/24, a categoría estatal con maior peso dos equipos da Galiza, seis sobre un total de 16. Lamentabelmente, unha desas formacións está virtualmente descendida, a falta unicamente de saber se será o Viaxes Amarelle da Coruña ou o Marín Futsal. 

Empatados a 26 puntos nunha antepenúltima posición que fecha a zona de descenso, e sen opción algunha de alcanzar o seguinte conxunto na táboa -curiosamente, outro galego, O Castro Bloques Cando-, ambos pelexarán este sábado ás 18.30 horas na derradeira xornada de campionato, que se disputa en horario unificado,  por eludir un fatal destino do que serán responsábeis outras dúas escuadras do país.

Porque a sorte, boa ou mala, quixo que o calendario deparase un duplo derbi galego no que o Marín Futsal colidirá co Ourense OnTime e o Viaxes Amarelle co Pescados Rubén Burela.

Co goal average particular ao seu favor, as pontevedresas dependen de si mesmas para seguir na Primeira División durante un ano máis, pois só teñen que vencer un Ourense OnTime que unicamente se xoga a posibilidade de ascender até a sétima posición, para o que precisa gañar e que tropece o Alcantarilla murciano.

Pola súa parte, as coruñesas necesitan que o Marín non saia vitorioso do derbi e que elas pasen por enriba dun todopoderoso Pescados Rubén Burela que ten garantido desde hai varias semanas o primeiro posto, o que fixo que levantase o pé do acelerador e que  perdese nas últimas tres semanas dous partidos contra equipos da zona baixa, o que aumenta as esperanzas de éxito do Amarelle.

Finalmente, O Castro e Poio Pescamar baixan ás 19 horas o pano ligueiro co terceiro derbi do día, no que promete ser unha festa do fútbol sala galego.

Comentarios