Pazos pide axilizar os trámites para transferir a AP-9 e que "non se engane aos galegos"

"Nós o que queremos é que os galegos poidan esperar as condicións que se nos prometeron antes das eleccións, unha AP-9 que sexa 100% galega e 100% gratuíta", afirma o deputado do PP.
O portavoz do PP no Parlamento da Galiza, Alberto Pazos Couñago (Foto: Nós Diario).
photo_camera O portavoz do PP no Parlamento da Galiza, Alberto Pazos Couñago. (Foto: Nós Diario).

O portavoz parlamentario do PP da Galiza, Alberto Pazos Couñago, pediu esta terza feira "sinceridade, coherencia e que non se engane aos galegos" antes de participar no Congreso dos Deputados, no debate da proposición de lei, aprobada coa unanimidade dos grupos representados no hemiciclo galego, para demandar máis unha vez o traspaso da AP-9. "Levamos moitas semanas asistindo a espectáculos complicados de entender polos galegos nos que un día se di unha cousa, normalmente antes das eleccións, e a contraria xusto despois", advertiu, e exemplificou isto co relativo ao escano logrado polo BNG na Eurocámara.

"Nós o que queremos é que os galegos poidan esperar as condicións que se nos prometeron antes das eleccións, unha AP-9 que sexa 100% galega e 100% gratuíta. E iso é o que imos pedir hoxe, e que haxa unha lixeireza tamén na tramitación para que non pase o que pasou na lexislatura pasada", advertiu o portavoz popular, quen aludiu ás prórrogas e á "non convocatoria do relatorio".

"O que pedimos é que non se engane aos galegos. Se realmente hai vontade de que a AP-9 sexa transferida á Galiza, que se actúe en consecuencia, porque cremos que se poden alixeirar os trámites e facelo antes de que se produza unha nova convocatoria electoral", asegurou.

Pazos aludiu ás promesas formalizadas polo agora líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, durante a campaña electoral, cando ademais era presidente da Comisión de Transporte no Congreso, en relación a esta vía "estratéxica" para Galiza, e incidiu en que os galegos teñen que "estar á altura" do comprometido, en referencia á gratuidade da AP-9.

"Eu creo que o ministro [do ramo, Óscar Puente] coincide coa maioría dos galegos en que a peaxe é moi caro. Entón, imos ver se coincidimos facer entender que aínda é máis cara grazas a esa ampliación das tarifas durante 20 anos a unha porcentaxe anual que acordou un Goberno socialista. Pedimos sensibilidade cos galegos, é dicir, ou é moi caro para o Goberno ou para o peto dos galegos", esgrimiu.

A continuación, proclamou que os populares teñen "moi claro" onde "van estar", e insistiu en que os galegos levan "moitos anos esperando a transferencia" desta vía "estratéxica".

Sobre a prórroga, baixo a lupa das autoridades europeas, da concesión da AP-9 a Audasa baixo o mandato de José María Aznar, Pazos replicou en clave irónica que "antes que Aznar houbo outras ampliacións". "Por exemplo, a que fixo un Goberno socialista, que parece que todo o mundo a esquece, e hai que lembrar o encarecemento actual da vía por un acordo doutro Goberno socialista e dun ministro galego [en referencia a José Blanco] que lle regalou a Audasa un 1% de suba anual durante 20 anos consecutivos", esgrimiu.

Comentarios