O Condado

O BNG denuncia o pagamento de "facturas falsas" polo Concello de Ponteareas

"O tripartito de Castro, ademais de cometer irregularidades pagando facturas por servizos non executados, realizou un uso fraudulento dos fondos europeos cos que se financia a obra do centro cívico, posta en marcha polo anterior Goberno do BNG", afirma a formación nacionalista.
Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa)
photo_camera Nava Castro, alcaldesa de Ponteareas. (Foto: Xan Carballa)

O BNG vén de denunciar unha serie de presuntas e "graves" irregularidades na xestión económica do Concello de Ponteareas (O Condado) que incluirían o pagamento de "facturas falsas" por parte do Goberno de Nava Castro. Segundo denuncian as nacionalistas, o consistorio "pagou facturas a unha empresa de comunicación por servizos que non realizou".

O concelleiro Xosé Carlos Vázquez precisa que se trata dunha factura "pola organización dun suposto evento de inauguración do Centro Cívico de Ponteareas", situado na Praza Maior, "que non se realizou porque o edificio aínda está en obras e coa previsión de rematar no mes de xullo".

A factura, por un importe de 10.000 euros, foi pagada xa o pasado decembro e o contrato incluía a elaboración e envío de notas de prensa aos medios de comunicación sobre a inauguración, así como a escaleta do propio evento, a súa organización e a cobertura gráfica do evento durante a mañá e a tarde. O empregado responsábel do contrato, apunta Vázquez, "foi o cuñado da alcaldesa", que naquel momento "fora colocado como empregado do departamento de Medio Ambiente".

Ademais, o Bloque informa que a esta mesma empresa, que agora é a adxudicataria do servizo de comunicación institucional do Concello, "pagóuselle no mes de novembro unha factura de case 6.000 euros por un servizo que non remataba até o 31 de decembro", o que supón "unha nova irregularidade do Partido Popular na xestión do diñeiro de todas e todos", denuncia o edil.

"O tripartito de Castro, ademais de cometer irregularidades pagando facturas por servizos non executados, realizou un uso fraudulento dos fondos europeos cos que se financia a obra do centro cívico, posta en marcha polo anterior Goberno do BNG", sinala o nacionalista. A preguntas do portavoz do BNG no último pleno, o propio concelleiro de Facenda respondeu que a factura correspondía "a un futuro evento", recoñecendo que non se prestou o servizo pagado.

"O Goberno de Castro e González Carrera vai de despropósito en despropósito", censura o Bloque, que sinala que o antigo Executivo, de cor nacionalista, "adquiriu un edificio na Praza Maior e tras un proceso participativo iniciou unhas obras para rehabilitalo e convertelo nun centro cívico para mocidade, asociacións, entidades, servizos de conciliación e actividades culturais". Mais "cando chegou Nava Castro ao Goberno", prosegue, "decidiu modificar a finalidade da obra para converter o edificio nun albergue baixo o nome de 'residencia de artistas', perdendo así parte dos fondos europeos logrados polo BNG e privando dese espazo os colectivos e o público para os que fora ideado".

Agora, con esta "manobra", afirma que o Goberno tripartito fai un "uso fraudulento" dos fondos europeos, "pretendendo xustificar accións que non se realizaron". "Demostran que non están á altura para xestionar con rigor e seriedade o diñeiro de todas e todos. Se tivesen un mínimo de decencia política, pedirían perdón á veciñanza e asumirían responsabilidades", conclúe o BNG, a través dun comunicado remitido aos medios.

Comentarios