Parlamento

Encontrón na Cámara ao afirmar o PSdeG que a Lei contra o proxenetismo fracasou porque hai deputados "puteiros"

"Neste grupo non hai puteiros. Non sei se no PSOE poden dicir o mesmo", replicou a popular Paula Prado. Finalmente o presidente do Parlamento retirou a expresión do diario de sesións.
Pleno do Parlamento galego desta terza feira. (Foto: Parlamento)
photo_camera Pleno do Parlamento galego desta terza feira. (Foto: Parlamento)

As palabras da parlamentaria do PSdeG Paloma Castro afirmando que a Lei contra o proxenetismo fracasou no Congreso polas "presións" do lobby da prostitución ou porque hai deputados "puteiros" nas filas dos grupos que votaron 'non' provocaron un encontrón co PP, que entendeu a súa intervención como un ataque ao partido, un dos que se opuxeron á lei.

A maioría da Cámara baixa tombou a pasada semana o proxecto do PSOE, que só apoiaron Coalición Canaria, BNG, UPN e o parlamentario do grupo mixto e ex ministro José Luís Ábalos. Para Castro, o rexeitamento ao texto debeuse ao voto contrario de forzas que "hipocritamente se consideran progresistas" e ao "cambio de criterio" de grupos que se manifestaron a favor como o PP, o que vinculou ás "presións" do sector dos proxenetas ou a que "hai moitos puteiros" nas filas destes partidos.

"Neste grupo non hai puteiros. Non sei se no PSOE poden dicir o mesmo", rebateu a viceportavoz do PP no Parlamento, Paula Prado, que pediu a quenda de palabra ao termo do debate da moción sobre igualdade esta terza feira na Cámara galega. Prado tamén aseverou que "a historia" de relacións "de cargos socialistas coa prostitución é moi longa" e, dixo, vai "desde [Luís] Roldán aos ERE ou o 'Tito' Berni".

Ao termo do debate, o número dous o PP da Galiza dirixiuse ao presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, ao considerar que as afirmacións de Castro supuñan unha infracción do regulamento por "falta de decoro" cara ao grupo popular. "Entendo que teñan un problema [o PSOE] coa prostitución, pero non vou consentir que se diga iso deste grupo", sentenciou Prado.

E finalizada a intervención de Prado, o presidente do Parlamento pediu a Castro que retirase a expresión "puteiro" para que non figurase no libro de sesións, pero a socialista mostrou a súa negativa e reafirmouse nas súas palabras, o que levou Santalices a ser  quen ordenase a súa eliminación porque "a palabra puteiro non debería ser usada no debate".

Moción sobre a SX de Igualdade

A pequena liorta por mor das palabras de Paloma Castro produciuse no debate dunha moción do BNG que reclamaba, entre outras cuestións, a rectificación da Xunta da Galiza da división da Secretaría Xeral de Igualdade, que pasa a estar desdobrada en dúas direccións xerais. Para a deputada nacionalista Noa Presas, esta decisión adoptada polo presidente Alfonso Rueda na reorganización do seu Goberno após as eleccións supón unha "rebaixa" da importancia da loita contra o machismo e "rompe" co principio de transversalidade que debe rexer as políticas de igualdade.

A moción foi rexeitada cos votos do PP, cuxa deputada Raquel Arias acusou nacionalistas e socialistas de "romper" a "unanimidade" que existía na Cámara en materia de violencia de xénero polo seu voto en contra da Lei galega de igualdade tramitada na última lexislatura. "En Galiza vostedes elixiron confrontar contra o PP. Igual que en Madrid decidiron encartarse a Pedro Sánchez votando a Lei do 'só si é si', a maior ultraxe ás vítimas", sentenciou.

Pola súa parte, o deputado do grupo mixto e representante de Democracia Ourensá, Armando Oxea, quixo facer uso da súa quenda de palabra —rexeitou facelo nas outras tres mocións debatidas na mañá desta terza feira— para afirmar que "existe unha publicidade descarada dos valores machistas" que se ve "todos os días do ano" coa existencia de clubs de estrada nos que se exerce a prostitución. "Todo o mundo sabe o que pasa aí e considerámolo algo normal", aseverou Oxea, que comparou isto cos trens que usaba o réxime nazi para transportar prisioneiros a campos de concentración durante a Segunda Guerra Mundial.

Comentarios