Ana Miranda / eurodeputada do BNG

“Era europeísta e xa non o son”

Ana Miranda (Cuntis, 1971) toma posesión do escano no Parlamento europeo co cambio de mes. Substitúe ao parlamentario de Bildu Josu Juaristi, co que o BNG compartiu lista nas eleccións europeas de 2014. Entusiasmada coa perspectiva aínda que cada vez máis crítica coa deriva institucional comunitaria, quere que “Galiza actúe en todas problemáticas que lle afecten”.
 

Ana Miranda
photo_camera A eurodeputada do BNG Ana Miranda.

-Cales son os seus obxectivos como eurodeputada?

-A defensa tradicional dos sectores produtivos, a crítica dos recortes e da falta de liberdades. Estes tres polos e sen ter que pedir permiso a Madrid ao xefe de partido, como acontece nalgúns casos. Vímolo co porto de Vigo, en que PP e PSOE renuncian á súa defensa porque a Madrid lles interesaba máis Tenerife. Ao mesmo tempo hai un recorte de dereitos e liberdades que debe ser trasladado ao Parlamento aínda que non teña competencias: a Lei Mordaza, o ataque aos dereitos sociais e de igualdade, e tamén toda a problemática dos presos políticos cataláns. Por outra banda, Galiza como nación do mundo debe defender os pobos oprimidos: o Sáhara, o Curdistán ou Palestina.

-Cal é o reto galego máis urxente que se pode tratar desde o Parlamento europeo?

-Nestes momentos, a discusión sobre os fondos comunitarios, da que Galiza pode quedar totalmente ausente. Pero non só por Europa, senón porque aquí se fixo o traballo mal e permitiuse que os fondos fosen desviados e non se gastaron en prioridades económicas e sociais, como a loita contra a pobreza, contra a precariedade laboral. Pero nestes momentos o importante é que poidamos actuar en todas as problemáticas en que se fale de Galiza, xa sexa das cotas pesqueiras, do Alvia... Preocúpame moito o saneamento das rías e a defensa medioambiental, un tema europeo sen resolver. O Estado está dicíndolle que “si buana” a Europa en todo tipo de recortes. Só polo cumprimento do déficit.

-O Goberno do Estado utiliza Europa como escusa para retallar e reducir o sector público mais, ao mesmo tempo, ignóraa en, por caso, o saneamento das rías.

-Hai que esixir o cumprimento da normativa, xa sexa no saneamento das rías, en que hai denuncias e sentenzas do tribunal europeo, ou en seguridade ferroviaria para que non volva pasar un Alvia. O problema está no Estado, que non orzamenta o saneamento. Os compromisos do Estado non se están cumprindo. Os fondos europeos aplicáronse para pagarlle a Audasa, para meter fibra óptica en lugares onde non hai poboación. Non se aplicaron para dependencia -un de cada tres galegos temos un problema de dependencia na casa. E logo que se fixo para que a mocidade poida ter aquí emprego? Tes traballo, es pobre; non tes traballo, es pobre. O Estado non cumpriu, Galiza non cumpriu e a UE xa sabemos cal é a súa tendencia restritiva e neoliberalizante dende hai anos.  

-Dicía que para vostede é importante que Galiza estea presenta en todos os debates que lle afecten directamente. Europarlamentarios galegos xa hai. Galiza está representada?

-Que decidan os votantes se está representada ou non. Nós o que temos moi claro é que imos alí con voz galega, en galego, defender as nosas problemáticas. Pero con respecto polo traballo dos demais e que cada un decida autoproclamarse como queira. Eu non me meto co traballo dos demais. Que cada un faga a súa folla de ruta.

-Como é a colaboración con Bildu, que se integra nun grupo diferente no Parlamento europeo, o da Esquerda Unitaria?

-O Consello Nacional do BNG decidiu que pasamos ao Grupo Verdes-Alianza Libre Europea (ALE). ALE é o noso partido político europeo, que representa os partidos nacionalistas, onde está o Scottish National Party, o Plaid Cymru, os partidos bretóns, de Córcega... Hai que falar de Córcega. E sobre todo onde están os nosos compañeiros de Compromís e de Esquerra. Temos ese polo nacionalista na Eurocámara. E quen sabe se non poderemos estar co Sinn Féin e con outros grupos, porque vai haber unha reformulación despois do Brexit.

-Sinn Fein está en Esquerda Unitaria.

-Está, si. Pero sempre hai conversas. Hai moi boa relación. A coalición electoral deunos independencia para que cada organización decida en que grupo integrarse. Mais iso non implica que non poidamos colaborar con outros. ALE, agora que hai un debate sobre os dereitos nacionais en Escocia, polo caso catalán, e insisto no tema corso, dános unha base importante. E este ano imos organizar unha xuntanza en Galiza con concelleiros e concelleiras de todas as nacións sen Estado. Vai ser interesante ver como xestionar a Europa dos pobos. Eu era europeísta e xa non son.

-Como lle pasou a tanta xente nestes anos.

-Si, non o son e non o son convencidamente. A Unión Europea non é a solución. Claro que somos europeos, pero a UE non nos representa, deixounos tirados: somos os máis precarizados de Europa, con salarios de miseria, na periferia forzada... Agora co corredor atlántico, non é? Entran nel pobos do mediterráneo e Galiza queda fóra.

-Nas eleccións de 2014, o debate europeo parecía instalado, polo menos nos pobos do sur de Europa. Mais é como se pasase de moda.

-Si, é certo. A capitulación do Goberno grego tamén foi dura. Que Europa non teña unha voz agora no tema catalán... Quen goberna Europa, a Comisión e o Consello, son os partidos conservadores. O proxecto federal, que podía ser ansiado, perdeu o contido. E sobre todo non deu resposta aos pobos, deixounos illados, física, económica e eticamente. Nin o Estado te representa nin gobernos coma estes. E polo medio pasaron cousas: a reforma do [artigo da Constitución española] 135, a gobernanza económica, como as institucións financeiras son as que ralmente gobernan, a troika é a que realmente manda, e a Comisión está ausente da iniciativa lexislativa.

-Nestes anos visualízase o papel decisivo de Europa na vida dos europeos, pero hai como un cansazo na cidadanía.

-Se o Parlamento tivese o poder completo, ao mellor moitas das cousas que están pasando... Porque ao final Europa é unha Europa de estados. As nacións sen Estado non estamos representadas, os escanos representan a maioría dos gobernos dos estados e repítese o esquema estatal. E por iso a desafección é a mesma que hai coa política estatal.

-Para unha deputada dunha organización soberanista, cómpre, en definitiva, máis Europa ou menos Europa?

-Máis Europa dos pobos e menos Unión Europea. Pero xa non podería concibir a política nacionalista en Galiza se non fose en relación con outros pobos europeos. A vangarda democrática de Europa está vindo dos pobos, non dos Estados. En innovación política pero tamén en defensa dos dereitos, das liberdades e da propia democracia. O dereito a decidir. O que parecía esquecido hai tres ou catro anos, deu a volta e pasou a primeira liña.

-Pero está Grecia. O referendo sobre o acordo da troika era un exercicio de autodeterminación, e botárono atrás.

-Pero Grecia actuou como un Estado. O problema foi o pacto que fixo Tsipras en Bruxelas para aceptar o que non tiña que aceptar. Non fixo unha chamada a todas as forzas europeas, a todos os pobos europeos que podían ser solidarios, e foi só. Cando tiñan que estar todos os que defendían a non intervención na súa economía. E mobilizándose toda Europa. Porque non era un problema grego, era un problema europeo, que condicionará a política económica nos vindeiros dez anos.

Corrección: na redacción orixinal desta entrevista deslizouse o erro de nomear Jon Juaristi quen en realidade se chama Josu Juaristi.

Comentarios