Congreso

A Mesa do Congreso dá luz verde a que ERC e Junts teñan os seus grupos parlamentarios propios

O Regulamento da Cámara baixa estabelece que, para formar grupo parlamentario no Congreso, requírese ter máis de 15 deputados, ou ben un mínimo de cinco escanos máis 5% dos votos do conxunto do Estado ou 15% nas circunscricións onde se concorreu.
A Mesa do Congreso durante unha reunión o 18 de agosto (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).
photo_camera A Mesa do Congreso durante unha reunión o 18 de agosto (Foto: Jesús Hellín / Europa Press).

A Mesa do Congreso dará esta segunda feira vía libre aos grupos parlamentarios de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e de Junts, que se rexistraron con deputados ‘cedidos’ por Sumar e o PSOE, respectivamente. O PP veu expresando os seus reparos sobre o que considera "cambalaches" do PSOE.

O Regulamento da Cámara baixa estabelece que, para formar grupo parlamentario no Congreso, requírese ter máis de 15 deputados, ou ben un mínimo de cinco escanos máis 5% dos votos do conxunto do Estado ou 15% nas circunscricións onde se concorreu.

Unha vez constituído o Congreso, o PP e Vox acreditáronse o primeiro día por ter máis de 15 deputados, mentres que o PNV e Bildu fixeron o propio ao superar en 15% en todas as circunscricións onde se presentaron.

Pero Esquerra Republicana e Junts, cos seus sete deputados cada un, non chegan ao 15% en todas as circunscricións, só en dúas, e non sequera alcanzan a porcentaxe no conxunto de Catalunya, polo que a súa constitución como grupo propio quedou no ar.

Ao final, o PSOE e Sumar optaron por cederlles deputados para superar o listón de 15% en Cataluña. Así, Sumar cedeu a ERC dous deputados de En Comú -Félix Alonso, de Tarragona, e Jùlia Boada, de Xirona- para que xunten as súas porcentaxes de voto aos de Esquerra co fin de que a formación de Oriol Junqueras supere esa media de 15% no conxunto de Catalunya.

E como Junts quedou máis lonxe de 15%, o PSOE tivo que prestar catro deputados do PSC -os dous deputados de Xirona, Marc Lamuá e Blanca Cercas, e os de Tarragona, Andreu Martín e Valle Mellado-, co obxectivo de alcanzar ese mínimo e que así os de Carles Puigdemont tamén poidan formar o seu propio grupo.

Así, o grupo de Junts rexistrouse con once deputados (sete independentistas e os catro do PSC), e o de ERC con nove (sete máis dous). Cando se termine os trámites, os de En Comú e do PSC adscribiranse aos grupos de orixe.

Autorización da mesa

O visto e prace á operación teno que dar a Mesa do Congreso, que se reúne esta segunda feira pola tarde e que apoiará a cesión de deputados porque precisamente os partidos prestatarios, o PSOE e Sumar, teñen a maioría no órgano de goberno da Cámara.

A vía da cesión de deputados utilizouse en lexislaturas precedentes, como cando UPN se sumou a CC para que os canarios tivesen grupo ou o Foro axudou a UPyD a chegar ao 5% estatal, e desde o PSOE esgrimen eses antecedentes e unha sentenza do Constitucional de 1995 onde se avalaba que a exixencia de 15% non se aplicase en todas as circunscricións, senón como media no conxunto de circunscricións.

Vantaxes do grupo propio

Ter grupo propio supón grandes vantaxes políticas, económicas e de medios. Quen o constitúe ten garantida a súa representación en todas as comisións parlamentarias, na Deputación Permanente e voz propia na Xunta de Portavoces e capacidade para intervir en todos os debates en igualdade de condicións; mentres que dentro do Grupo Mixto teñen que repartirse tempos de intervención e asentos nas comisións.

Nas sesións de control, ter grupo propio posibilita entrar nas cotas de preguntas e interpelacións para poder debater semanalmente co Goberno, así como vantaxes á hora de incluír as súas proposicións non de lei nos plenos; en cambio, no Grupo Mixto todo ese espazo debe distribuírse a partes iguais.

E as vantaxes prolónganse para as seguintes eleccións, porque os que agora o consigan grupo propio terán opción a presenza nos futuros debates electorais e plans de cobertura informativa dos medios públicos. Junts, por exemplo, quedou fóra dos debates e os plans de cobertura de RTVE na campaña do 23J xa que hai catro anos non logrou grupo propio, senón que o estivo compartindo con BNG, PDeCAT, Compromís e Máis País.

Comentarios