Eleccións Europeas 9-X

A Galiza e Euskadi convértense nun freo para a extrema dereita a nivel estatal e comunitario

Aínda que cunha porcentaxe menor que na Unión Europea, o Estado español non foi alleo ao avance das forzas de ultradereita.
Un home vota nun colexio electoral da Coruña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un home vota nun colexio electoral da Coruña (Foto: Nós Diario).

As diferentes formacións de extrema dereita obtiveron arredor de 24% dos sufraxios no conxunto da Unión Europea (UE). Aínda que é previsíbel que se repita unha gran coalición entre populares, socialdemócratas e liberais para escoller o novo Executivo da UE, o avance da ultradereita será considerábel no novo Parlamento Europeo.

Aínda que cunha porcentaxe menor, o Estado español non foi alleo a este avance das forzas de ultradereita, con Vox e 'Se acabó la fiesta' como as formacións máis relevantes dentro deste espazo político. Xuntas, as organizacións lideradas por Santiago Abascal e Alvise Pérez xuntan máis de 15% dos sufraxios a nivel estatal.

Trátase dunha cuestión xeneralizada no conxunto do Estado español, pois a excepción de catro autonomías (a Galiza, Euskadi, Catalunya e Nafarroa), estas dúas formacións de ultradereita obtiveron conxuntamente un mínimo de 12,5% dos votos en cada unha das comunidades.

A Galiza e Euskadi

A Galiza e Euskadi supuxeron un verdadeiro freo para o avance da ultradereita, sendo con bastante diferencia as autonomías onde, a pesar de medrar, estas forzas rexistraron unhas porcentaxes menores no conxunto do Estado español.

Desta maneira, a extrema dereita conseguiu en Euskadi 4,4% dos votos, menos da terceira parte da porcentaxe de voto que obtiveron as formacións de ultradereita no Estado. No caso da Galiza, estas forzas rexistraron 6,35% dos apoios, lonxe dos niveis a nivel comunitario e estatal.

En Catalunya, o número de votos que suman Vox e 'Se acabó la fiesta', aínda sendo maior que en Euskadi e na Galiza, ficou substancialmente por baixo da porcentaxe a nivel estatal, con 9%, tan só algo menos dos apoios que conseguiron estas formacións en Nafarroa (9,7%).

Comentarios