O Goberno español esperará até o "último día" para decidir se prorroga a rebaixa de IVE na alimentación

Montero afirmou que o Executivo español tomará as medidas "correspondentes" para que siga sendo un cesto da compra "accesíbel para todo o mundo".
A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera A ministra de Facenda do Estado español, María Jesús Montero, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

A vicepresidenta primeira e ministra española de Facenda, María Jesús Montero, dixo esta cuarta feira que o seu departamento analizará até o "último día" o avance da inflación para decidir se prorroga a rebaixa do imposto sobre o valor engadido (IVE) a determinados alimentos básicos, que termina o próximo 30 de xuño.

Ante un escenario inflacionista, o Goberno do Estado español decidiu aprobar nos diferentes decretos anticrise un IVE reducido de 0% para alimentos de primeira necesidade como o leite, o pan, os ovos ou a fariña, e de 5% nas pastas e os aceites.

Esa rebaixa fiscal estendeuse até xuño mediante o decreto que se validou en xaneiro, e o Executivo estatal aínda non dixo que pretende facer con esta medida, algo do que dependerá o futuro dos prezos da alimentación nos supermercados.

"Nós imos traballar até o último día para ver como se vai comportar o prezo nos mercados", dixo a vicepresidenta nos corredores do Congreso ante as preguntas formuladas polos medios de comunicación sobre unha medida que expira en apenas 30 días.

Cesto da compra "accesíbel"

Montero comentou que se a perspectiva que hai por diante non termina de abaratar o prezo da compra, o Executivo español tomará as medidas "correspondentes" para que siga sendo un cesto da compra "accesíbel para todo o mundo".

A membro do Executivo estatal non detallou en que consisten esas medidas para abaratar o custo de determinados alimentos básicos e insistiu en que aínda "hai que esperar" algúns días até ver como se comportou a inflación, incluído a do mes de xuño.

Comentarios