O integrante da candidatura do PP aos 9-X Francisco Millán Mon non se achegou hoxe a votar en urna pois exerceu o seu dereito ao sufraxio por correo.
Desde o PP galego afirman que “ao longo desta campaña, o noso partido respondeu como sempre, en todos os actos e en cada recuncho da Galiza”, polo que “este domingo responderemos como sempre nas urnas”.
A mensaxe do PP da Galiza durante a campaña, e intensificado esta semana, chamou a votar o domingo en chave “plebiscitaria” sobre a xestión de Pedro Sánchez, presidente do Goberno español.
“Temos que responder nas urnas, con contundencia e con democracia" ao que está a pasar no Estado, pediu Alfonso Rueda no feche de campaña.
"Se estás canso das mentiras e frivolidades de Sánchez e se queres que a Galiza siga rodando e exportar o noso modelo de éxito a Europa, vota o Partido Popular", demandou Adrián Sánchez, membro da candidatura e madrileño de orixe galega que pasou toda a campaña na Galiza.
Horas antes, en Compostela, a secretaria xeral do PP galego xa se mostrara contundente sobre o que para este partido estaba en xogo o domingo: "Quedar na casa supón avalar a amnistía e a "lei do si é si".