Entrevista

Néstor Rego (UPG): "O movemento nacionalista está hoxe no seu mellor momento político"

O XVI congreso da Unión do Povo Galego (UPG) decorrido este domingo en Compostela reelixiu Néstor Rego como secretario xeral. Rego explica a 'Nós Diario' as principais conclusións do proceso congresual así como as liñas de actuación inmediatas do partido nun momento chave para o nacionalismo.

Néstor Rego, o domingo, na clausura do XVI Congreso da UPG. (Foto: Arxina)
photo_camera Néstor Rego, o domingo, na clausura do XVI Congreso da UPG. (Foto: Arxina).

—A UPG puxo remate este domingo ao seu proceso congresual, cales son as principais conclusións do mesmo?
O movemento nacionalista áchase hoxe no seu mellor momento político, sindical e electoral. Para alén da lóxica satisfacción, esta conxuntura formúlanos novos desafíos e responsabilidades, especialmente, como actuar para consolidar o terreo gañado e, a partir de aí, producir novos avances. É fundamental acertar nisto. Sabemos que non hai fórmulas máximas, mais tamén estamos convencidas de que do debate e das decisións colectivas sairán as mellores propostas, e nós queremos contribuír para iso.

Hai que acertar para seguir avanzando, para seguir alargando a base da organización, integrando máis xente, cun discurso nacionalista que contribúa a crear conciencia nacional, que nacionalice o electorado do Bloque Nacionalista Galego, que permita ampliar a organización para chegar a todos os concellos do país, cunha forte presenza municipal que xere sinerxías entre a política social e a institucional nun contexto de numerosos conflitos sociais no país onde o nacionalismo está presente. O BNG debe dotarse dunha forte base social.

—O partido que dirixe sae do congreso cuns novos órganos de dirección para os vindeiros anos, que retos máis inmediatos se marca o novo equipo que lidera a UPG?
Estamos observando que no país existen moitos conflitos e cremos que é necesario reforzar a contestación social en relación co espolio eólico, coa proposta de Altri de pór en marcha unha celulosa en Palas de Rei na comarca da Ulloa ou a tentativa de reabrir a mina de Touro por parte da empresa Cobre San Rafael. Trátanse de proxectos que non teñen que ver cun modelo de desenvolvemento autocentrado do país e ligados a deseños coloniais, polo que o esforzo da militancia da UPG vaise centrar en detelos e impedir que vaian adiante.

—As teses aprobadas no congreso da UPG maniféstanse moi críticas co papel que está a xogar a denominada esquerda europea á que acusan de estar sumida no desarme ideolóxico, sobre que bases entenden que se debe articular unha alternativa política merecente da consideración transformadora?
As liñas sobre as que debe articular unha alternativa transformadora coinciden coa proposta do BNG, que defende coherentemente os intereses das clases populares e mantén unha posición claramente antiimperialista. Unha alternativa, a do BNG, que non renuncia a cuestións básicas como si fai a maioría da esquerda europea ou da esquerda española, que hai apenas unhas décadas se opuña a unha OTAN que agora bendice e xustifica, mesmo colocando como modelo progresista os Estados Unidos de Biden, precisamente nun momento en que de forma absolutamente irresponsábel están a xogar co futuro e coa vida dos pobos e das clases populares para tentar salvar os seus ilexítimos intereses xeoestratéxicos.O Bloque Nacionalista Galego mantén, con éxito, a liña histórica da esquerda en defensa da paz e soberanía.

—A UPG desenvolveu o congreso coincidindo co 60 aniversario da súa fundación en plena ditadura franquista. Con perspectiva histórica, que cree que achega o seu partido ao nacionalismo galego?
A perspectiva de 60 anos lévanos a ser moi conscientes de que  o nacionalismo de hoxe non sería posíbel sen a existencia da UPG, sen o esforzo por reorganizar a actividade política nacionalista en tempos difíciles, por lle dar introdución social e unha dimensión popular, por orientalo para posicións de esquerda e antiimperialistas. Sen a aposta da UPG por fomentar a autoorganización popular en todos os ámbitos en que foi posíbel, non sería posíbel contar cun sindicalismo nacionalista e de clase que hoxe recoñecemos con orgullo, co nome de Confederación Intersindical Galega, como a primeira forza sindical da Galiza e a máis grande organización do nacionalismo.

No mesmo sentido, hai que destacar a súa xenerosidade para impulsar, quer en 1975 coa constitución da Asemblea Nacional Popular Galega, quer en 1982 coa fundación do Bloque Nacionalista Galego, frontes amplas que fosen capaces de agrupar sectores e posicións ideolóxicas diferentes que concordasen na defensa do dereito de  autodeterminación e da soberanía da Galiza. É imprescindíbel, neste momento, manter unha organización política que cuestione o sistema capitalista e aposte por un nacionalismo cada vez máis forte en todos os ámbitos.

A loita pola hexemonía social do nacionalismo

Néstor Rego asume “que a única solución real para resolver os problemas deste país é romper a dependencia e asumir a plena soberanía”. Porén, entende que no actual marco político o nacionalismo debe enfrontar con sentido táctico os debates sobre “unha industrialización racional e autocentrada, que aproveite a inmensas potencialidades que temos”, sobre “un novo modelo de financiamento” e sobre “alargar o autogoberno, para pelexar un novo marco xurídico-político para a Galiza”.

Neste punto, aposta por ampliar a base social do movemento nacionalista para converterse nunha forza hexemónica na Galiza e argumenta que “o nacionalismo, con toda a maquinaria do poder en contra, non pode fiar todo ao marketing electoral, por moito que tamén aquí o  haxa que facer o mellor posíbel e mesmo esforzarse por mellorar”.

Comentarios