O Parlamento galego demanda un rexistro estatal de profesionais sanitarios, mais sen acordo para crear un galego

O BNG abstense ao non transaccionar cos populares a súa emenda para crear outro un no Sergas, mentres que o PSdeG vota en contra.

comisión de sanidade parlamento galego
photo_camera Comisión de sanidade (Foto: Parlamento da Galiza)

O Parlamento da Galiza aprobou unha iniciativa para reclamar a creación dun rexistro de profesionais sanitarios a nivel estatal, con información por especialidades. Con todo, non houbo acordo para que haxa tamén outro rexistro no Servizo Galego de Saúde (Sergas), tal e como solicitaba o BNG.

En concreto, tratouse dunha proposición non de lei (PNL) impulsada polo PP e que contou co apoio de Democracia Ourensá. O PSdeG votou en contra, mentres que o BNG, que impulsaba unha emenda para que tamén houbese un rexistro galego, optou pola abstención ao non alcanzar un acordo cos populares.

A encargada de presentar a iniciativa na Comisión 5ª, de Sanidade foi a deputada do PP Encarnación Amigo, quen argumentou que este rexistro estatal axudará á "planificación" da formación sanitaria especializada e, en consecuencia, paliar unha falta de médicos da que culpou o Goberno estatal.

Neste sentido, a popular desmentiu que este problema se deba "á xestión das comunidades autónomas". "A xestión do Ministerio é tan mala, que son os médicos do Sergas os que teñen que atender a presidiarios porque o Goberno central non é capaz de contratar médicos para os cárceres", esgrimiu.

Por parte do BNG, a súa portavoz parlamentaria en materia sanitaria, Montse Prado, ironizou con que a Comisión 5ª podería chamarse "de seguimento da política estatal", porque "o PP quere crear o relato de que nada depende do Goberno galego", coma se fose unha "xestoría".

A nacionalista non dubidou de que haxa cousas que reclamar ao Estado e, para ese efecto, dixo que lle parece "ben" este rexistro. "Pero supoño que estará fornecido coa información que cada comunidade autónoma lle pase", explicou Prado, para argumentar a necesidade de que o Sergas conte co seu propio rexistro.

Aínda que o PP abriuse a negociar unha transacción que incluíse tamén a emenda do BNG, finalmente non houbo acordo para reclamar esta iniciativa tamén a nivel galego

Por parte do PSdeG, que votou en contra, a deputada Elena Espinosa alegou que hai numerosa lexislación que xa obriga a que as administracións autonómicas conten con este rexistro. "Unha idea que naceu hai máis de 20 anos, hoxe instrumentalízase por parte do PP", afeou.

Comentarios