Pazos Couñago, Pontón e Gómez Besteiro defenderán no Congreso a lei de traspaso da AP-9

O Parlamento da Galiza escolleu esta cuarta feira os deputados e a deputada que acudirán ao Congreso español o próximo 11 de xuño a defender a lei de transferencia da titularidade da AP-9 á Galiza.
Alberto Pazos Couñago, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro (Foto: César Arxina / Beatriz Ciscar / Europea Press / Nós Diario).
photo_camera Alberto Pazos Couñago, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro (Foto: César Arxina / Beatriz Ciscar / Europea Press / Nós Diario).

O Parlamento da Galiza escolleu esta cuarta feira os deputados e a deputada que acudirán ao Congreso español o próximo 11 de xuño a defender a lei de transferencia da titularidade da AP-9 á Galiza. Serán Alberto Pazos Couñago (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG).

Será a cuarta vez en sete anos que se tramite en Madrid unha norma con este obxectivo que parte da Cámara galega. Para ese efecto, esta cuarta feira elixiuse por votación en urna a Pazos Couñago (38 votos, xa que faltaban dous deputados populares), Pontón (26 votos, ao sumar os 25 do BNG e, suponse, o do deputado de Democracia Ourensá, Armando Oxea) e Gómez Besteiro (nove votos, todo o grupo do PSdeG).

Ao comunicar o resultado da votación, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, desexou "moita sorte" aos dous deputados e á deputada e chanceou con que, se volven "co obxectivo cumprido" de transferir a titularidade da AP-9, vai a Padornelo (Seabra) para saudalos e recibilos "se é necesario".

En decembro de 2023, por cuarta ocasión en sete anos, o Parlamento da Galiza aprobou por unanimidade un texto lexislativo para a súa remisión ao Congreso español co obxectivo de conseguir este traspaso. Desde 2016, os diferentes acordos na Cámara galega non frutificaron polo fracaso das leis na súa tramitación nas Cortes Xerais.

A demanda para que a xestión da autoestrada que vertebra a fachada atlántica sexa galega volve saír do Pazo do Hórreo rumbo a Madrid, onde chegará de novo cunha serie de demandas en materia económica ao Estado como principais novidades.

Entre estas figura unha mención a que será a Administración do Estado quen asuma as posíbeis consecuencias económicas que deriven dunha hipotética anulación da prórroga da concesión a Audasa, asunto que está en estudo pola Xustiza da Unión Europea por unha suposta infracción da normativa comunitaria en materia de competencia.

Esta cuestión foi incorporada durante o proceso de tramitación na Cámara galega a través dunha emenda do BNG que foi aceptada para a súa inclusión no ditame final polo PP. Esta foi a única achega ao texto orixinal, que recolle unha serie de obrigacións a facer fronte por parte do Estado en asuntos como a extensión das bonificacións das peaxes, a execución de obras de remodelación da AP-9 ou a ampliación da infraestrutura.

Comentarios