Pontón urxe a transferencia e o rescate da AP-9

"Vemos como se segue especulando con infraestruturas básicas no noso país", constatou Ana Pontón tras a noticia da venda da participación que Globalvía ten en Itínere, o grupo do que forma parte Audasa.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: César Arxina / Europa Press).
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Foto: César Arxina / Europa Press).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu urxir esta terza feira a transferencia e o rescate da autoestrada AP-9, para acabar "cunha aberración desde o punto de vista democrático" xa que unha infraestrutura básica para a Galiza como é a Autoestrada do Atlántico "serve para que fondos voitre estean claramente lucrándose".

Así o trasladou a líder nacionalista, en declaracións aos medios durante unha visita a unha empresa en Castro de Rei (A Terra Chá), e despois da publicación da noticia, adiantada por El Economista, que apunta á venda de case 40% da participación de Globalvía en Itínere (grupo do que forma parte a xestora da autoestrada, Audasa), o que supón que a propiedade da concesionaria da autoestrada pasará a estar por completo en mans de fondos estranxeiros.

"Vemos como se segue especulando con infraestruturas básicas no noso país", constatou Ana Pontón, que se preguntou "se o Goberno galego coñecía a noticia e é simplemente un espectador". "Isto pon o foco na necesidade de acabar dunha vez por todas cunha situación que é unha aberración desde o punto de vista democrático", proclamou.

Nese sentido, tras criticar que infraestruturas clave da Galiza serven "para que fondos voitre estean claramente lucrándose", volveu urxir "dunha vez por todas, que se produza o rescate e a transferencia" da AP-9, de maneira que "dunha vez por todas se faga xustiza" na Galiza.

Precisamente, esta terza feira confirmouse que o pleno do Congreso español do 11 de xuño abordará a transferencia do Estado á Galiza da autoestrada AP-9. Para iso, esta cuarta feira, 29 de maio, o Parlamento galego elixirá aos deputados e ás deputadas encargadas de defender esta proposición de lei en Madrid.

"Pedir a transferencia, empezar por aí, e tentar a gratuidade", di Rueda

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, demandou a transferencia da AP-9 á Galiza, aínda que non fixo mención algunha ás informacións que sinalan a venda da participación de Globalvía na concesionaria.

Ao ser cuestionado sobre a AP-9, ante o debate que haberá o próximo 11 de xuño no Congreso español, manifestou que na súa reunión co presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, cando se concrete este encontro, será unha cuestión que exporá.

Farao en base aos acordos adoptados no Parlamento galego mais tamén, engadiu, os compromisos electorais feitos en campaña polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, quen deu prioridade a conseguir a gratuidade da vía. "Pedir a transferencia, empezar por aí, e tentar a gratuidade", aseverou Rueda.

Comentarios