Xustiza

Pérez Xácome, condenado por vulnerar o dereito á participación política de concelleiras

A sentenza condena o rexedor ourensán a publicar a sentenza na web do Concello e á súa lectura no primeiro pleno.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, nun pleno do Concello. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

A xustiza ditaminou que no pleno extraordinario do 26 de outubro do 2023 do Concello ourensán vulneráronse os dereitos á participación política. O xulgado do Contencioso Administrativo responde así á demanda interposta pola edil do PSdeG Natalia González, ante as interrupcións do alcalde, Gonzalo Pérez Xácome.

A sentenza recolle que “cando os concelleiros estean no uso da palabra, exercendo con corrección, sen afastarse da cuestión debatida e dentro do tempo razoable que se lle concedeu para participar no debate, non cabe que, en aras dunha suposta ou non ben entendida facultade de dirección ou de orde, o Alcalde-Presidente interrompa a quen lexitimamente e no exercicio da súa función representativa fai uso da súa quenda de palabra; pois tal comportamento non está ao amparo pola facultade da que dispón”.

Tamén se argumenta que as interrupcións continuas impiden non só o debate sosegado que o rexedor debe garantir, senón “mesmo unha verdadeira participación dos concelleiros no Pleno". 

"Extralimitación"

Por iso, os togados entenden despois de analizar a documentación achegada que a actuación do Alcalde no pleno citado "supón unha extralimitación das facultades de dirección e de orde que ten atribuídas por normativa".

A maiores, que "os termos e expresións" que "dirixe á concelleira recorrente, con quen chega polemizar, non se corresponden co respecto institucional que debe imperar".

A sentenza condena o rexedor ourensán a publicar a sentenza na web do Concello, á súa lectura no primeiro pleno que se realice após a resolución e ao pagamento de 400 euros polos custos procesuais.

Comentarios