Eleccións europeas 9-X

Pontón e Miranda chaman á Galiza "inconformista" e que quere un mundo "en paz" a concentrar o voto no BNG

A líder do BNG, Ana Pontón, e a candidata nas eleccións europeas, Ana Miranda, fixeron un chamamento dirixido á Galiza "inconformista" e que quere defender "a paz" desde as institucións europeas a concentrar o voto o vindeiro domingo no BNG.
Ana Pontón e Ana Miranda, na praza do Obradoiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, na praza do Obradoiro (Foto: Europa Press).

A líder do BNG, Ana Pontón, e a candidata nas eleccións europeas, Ana Miranda, fixeron un chamamento dirixido á Galiza "inconformista" e que quere defender "a paz" desde as institucións europeas a concentrar o voto o vindeiro domingo no BNG.

Na xornada que pon fin á campaña das eleccións europeas, Pontón e Miranda ofreceron declaracións aos medios na Praza do Obradoiro de Compostela, onde apelaron á mobilización do electorado o vindeiro domingo para "encher as urnas de ilusión".

"O 9 de xuño temos que encher as urnas de ilusión. Votar con esperanza, alegría e votar por nós como pobo, por quen somos e por defender as nosas causas", aseverou Miranda, que afirmou que "quen mellor que o BNG" para facelo.

"Está sempre comprobado que, cando nós estamos, fálase do país", engadiu antes de chamar á participación o domingo coa meta de que "a Galiza conte" e "ter voz" nas institucións europeas da man do BNG.

Na mesma liña expresouse a portavoz nacional da formación frontista, que defendeu que o BNG foi "a única" forza política que "fixo campaña electoral na Galiza" fronte aos partidos estatais que "dimitiron" de falar "dos problemas dos galegos".

"Hai que dicirlle ás forzas estatais que a Galiza non é un caladoiro de votos ao que vir facer campaña. A Galiza ten retos, ten problemas, ten soños e necesidades propias que deben ser atendidas e defendidas", proclamou.

Así, Pontón erixiu o BNG nunha "candidatura de país" que "representa" á Galiza e á poboación galega coa defensa dos seus intereses "aquí, en Madrid e en Europa". Ante unha cita na que a Galiza "xógase moitísimo", incidiu na importancia de acudir a votar o 9 de xuño e "coller con esperanza, ilusión e alegría a papeleta do BNG".

Ademais dos problemas e reivindicacións da Galiza como o sector primario, o respecto á súa cultura e a súa biodiversidade e recursos ou a defensa dos seus sectores produtivos, Pontón tamén sinalou que estas eleccións van de "defender unha Europa antifascista, antimilitarista, dos pobos, da xustiza e da paz".

Deste forma, chamou a que se produza unha "gran mobilización" e que a Galiza "inconformista" concentre "todo o voto galego" no BNG, que constitúe, para Pontón, "a papeleta de todas as persoas que levan a Galiza na cabeza e no corazón".

Finalmente, Pontón proclamou que o BNG encara a cita coas urnas coa promesa de que non fallarán "nin na defensa da Galiza" nin na da loita "polas causas xustas" a través da voz de Ana Miranda en Bruxelas.

Comentarios