ELECCIÓNS EUROPEAS 9-X

Pontón pide a "mobilización masiva" da "mocidade rebelde" para lograr escano galego e construír unha Europa social

Miranda destacou a defensa da lingua e da cultura que son "antídoto contra a ignorancia e contra o avance do discurso reaccionario"

Marta Gómez, Ana Pontón, Ana Miranda e Artai Gavilanes, este sábado, na Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Gómez, Ana Pontón, Ana Miranda e Artai Gavilanes, este sábado, na Coruña. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, apelou á "mobilización masiva" da mocidade rebelde para conseguir un escano galego, que permita "defender os intereses" da Galiza e, ao mesmo tempo crear unha Europa social na que "teñan futuro".

"Somos a candidatura da mocidade rebelde e inconformista", proclamou este sábado nun acto na Coruña no que estivo acompañada da cabeza de lista do BNG aos comicios europeos, Ana Miranda.

"Pídolle á xente moza que se mobilice, que participe masivamente nas urnas para darlle voz propia a Galiza a favor dunha Europa social, xusta, que loite pola paz, unha Europa dos pobos", enxalzou.

Neste sentido, Pontón apelou á mobilización da mocidade para conseguir un escano galego da man da formación nacionalista, sabendo que, o BNG, non "lles vai a fallar".

"Sabendo que con ese escano de país a Galiza terá unha voz propia e libre, pero sabendo tamén que esa mesma voz vai servir para defender todas as causas xustas e para construír unha Europa mellor", esgrimiu.

Pola súa banda, Ana Miranda utilizou unha maleta para simbolizar a emigración de miles de mozas e mozos por "falta de oportunidades" e outra maleta cargada de "causas xustas" para simbolizar a Europa que defende o BNG.

Entre as "causas xustas" Miranda citou a loita polos dereitos humanos, contra o racismo, pola igualdade, a favor do feminismo mediante a forza das mulleres e, entre outras, o respecto ás distintas formas de ser e de sentir. Miranda tamén destacou a defensa da lingua e da cultura que, ademais, son "antídoto contra a ignorancia e contra o avance do discurso reaccionario".

Na cidade herculina, onde asasinaron a Samuel, a candidata do BNG destacou como "causas xustas" a de defender en Europa a liberdade sexual "combatendo a LGTBfobia" e todas as formas de intolerancia.

 

Comentarios