Eleccións Europeas 9-X

O PP obtén un mal resultado en Vigo, a cidade máis poboada da Galiza: estes son os municipios onde non gañou o Partido Popular

En Vigo, o PSOE obtivo un maior número de sufraxios que o resto de forzas políticas, obtendo máis de 42.000 votos e case 35% dos apoios (a pesar de rexistrar unha caída de case 10 puntos con respecto ás eleccións de 2019).
Un colexio electoral da Coruña duranta as eleccións ao Parlamento Europeo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un colexio electoral da Coruña duranta as eleccións ao Parlamento Europeo (Foto: Nós Diario).

O PP foi a forza máis votada na Galiza nos comicios ao Parlamento Europeo deste domingo. Porén, houbo varios municipios nos que esta formación non logrou a primeira posición nestas eleccións, como é o caso de Vigo, a principal cidade do país en termos de poboación.

Así, en Vigo, o PSOE obtivo un maior número de sufraxios que o resto de forzas políticas, obtendo máis de 42.000 votos e case 35% dos apoios (a pesar de rexistrar unha caída de case 10 puntos con respecto ás eleccións de 2019). A suba de 14,5 puntos do PP non foi suficiente para obter a vitoria nesta cidade, ficando en 31,7%. Pola súa parte, o BNG experimentou unha forte suba, de 8,1 puntos, que levou a formación a acariciar o 17% dos apoios.

Na comarca de Vigo, o PSOE tamén alcanzou a primeira posición en Fornelos de Montes, onde case chega a 40% dos sufraxios (a pesar dunha caída de case 20 puntos con respecto a 2019). Neste concello, o PP ficou con 35,7% dos votos, mentres que o BNG obtivo 15,4% dos apoios.

Limia e Baixa Limia

Na comarca da Limia, en Vilar de Santos, unha forte suba do BNG, de 17,3 puntos, levou o BNG a ser a primeira forza con case 40% dos sufraxios. Pola súa parte, tamén na Limia, o PSOE resultou gañador en Calvos de Randín, con máis da metade dos votos. Ademais, a formación socialista tamén rexistrou o maior número de votos en Entrimo (Baixa Limia), neste caso cunha vitoria máis clara que nos casos anteriores, con máis de 55% dos votos.

Os Ancares e Meira

O PSOE obtivo a vitoria en Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares), alcanzando máis de 52% dos votos, da mesma maneira que conseguiu ser a forza máis votada na Ribeira de Piquín (Meira), onde a formación socialista superou o 58% dos sufraxios.

Eume

O PP tampouco conseguiu a primeira posición no municipio da Capela (Eume). Neste caso, o PSOE obtivo unha vitoria ao alcanzar o 35,2% dos sufraxios, superando así ao Partido Popular (30,6%) e ao BNG (19,8%).

Bloques

Alén destes exemplos nos que o PP non foi primeira forzas nestas eleccións ao Parlamento Europeo, tamén son numerosos os municipios galegos nos que a suma das forzas á esquerda do taboleiro político superan amplamente a suma das forzas de dereita e extrema dereita.

Comentarios