Eleccións Europeas 9-X

O resultado electoral na Galiza: o PP (43%) e o BNG (16%) soben en votos, o PSdeG baixa en apoios e logra 27%

O PP, con 486.236 votos na Galiza, arrebata ao PSdeG (301.124 votos) o primeiro posto que os socialistas obtiveran hai cinco anos. O BNG sobe en apoio electoral, recibe 179.847 sufraxios e Ana Miranda será eurodeputada.
Votacións e resultados deste domingo na Galiza. (Foto: Arxina)
photo_camera Votacións este domingo na Galiza. (Foto: Arxina)

As eleccións ao Parlamento Europeo decorridas este domingo 9 de xuño deixan o Partido Popular como primeira forza na Galiza, con 43,62% de apoio fronte ao 29.81% recibido en 2019. Recibe 486.236 votos (431.782 hai cinco anos). En 2019, os populares foran segunda forza, por detrás do Partido Socialista.

Agora é o PSdeG quen ocupa a segunda posición ao baixar ao 27,01% de apoio (35.05% en 2019) e recibir 301.124 votos (obtivera 507.690 en 2019).

O nacionalismo galego fecha outro proceso electoral máis en ascenso. O BNG, que se presentou na coalición instrumental Agora Repúblicas, recibe 16,13% dos votos (fronte ao 11.84% de 2019), e recibe 179.847 votos (171.500 tivera en 2019) .

A cuarta formación máis votada na Galiza é Vox, con 4,32% de apoio (lograra 2.58% en 2019) e rexistra 48.204 sufraxios (37.335 conseguira hai cinco anos).

Sumar, que se presenta por primeira vez ás eleccións europeas, logra 2,07% de apoio e 23.151 votos, mentres que Podemos obtén 1,96% e 21.856 sufraxios. Hai cinco anos Podemos obtivera 8.12% de apoio electoral e 117.592 votos.

Ciudadanos ten este 9 de xuño 0,26de apoio e 2.911 votos, fronte ao 6.67% e 96.590 sufraxios que a formación laranxa recollera na Galiza en 2019.

A ultradereitista Se acabó la fiesta, que se presenta por primeira vez, obtivo este domingo 2,03 de apoio e 22.648 votos.

Este domingo votaron 1.121.839 persoas (1.474.527 en 2019) situándose a abstención en 49,49% (fora de 45,46% hai cinco anos).

Comentarios