Publicada no BOE a Lei de Amnistía, que entra inmediatamente en vigor

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta terza feira a Lei Orgánica de amnistía para a normalización institucional, política e social en Catalunya, tamén coñecida como Lei de Amnistía, que entrou en vigor no momento da súa publicación, abríndose un prazo de dous meses para que xuíces e tribunais a apliquen.
Laura Vilagrà e Oriol Junqueras, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Laura Vilagrà e Oriol Junqueras, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou esta terza feira a Lei Orgánica de amnistía para a normalización institucional, política e social en Catalunya, tamén coñecida como Lei de Amnistía, que entrou en vigor no momento da súa publicación, abríndose un prazo de dous meses para que xuíces e tribunais a apliquen.

O decreto, asinado a data 10 de xuño polo rei español Felipe VI e o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, para a entrada en vigor da amnistía "o mesmo día da súa publicación" no BOE, ordena "a todos os españois, particulares e autoridades", que "garden e fagan gardar" esta lei orgánica.

Recolle a norma que o Congreso español apoiou no pleno do pasado 30 de maio con maioría absoluta, levantando o veto do Senado e dando luz verde definitiva á súa aprobación tras varios meses de tramitación e negociacións do Executivo estatal con Junts e ERC.

Neste sentido, a medida naceu dos pactos do PSOE coas dúas formacións catalás a cambio do seu apoio á investidura de Sánchez e o seu obxectivo é amnistiar a todas as persoas implicadas en mobilizacións soberanistas e independentistas desde o 1 de novembro de 2011, cando aínda gobernaba o PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, até o 13 de novembro de 2023.

Comprende tanto ás condenadas pola consulta do 9 de novembro de 2014 como ás do referendo independentista de 2017, así como o arquivo das investigacións abertas polos disturbios posteriores contra a sentenza do Tribunal Supremo.

Asemade, a medida que avance a implementación do texto tamén se desvelará a cifra de persoas represaliadas pola vía xudicial, pois mentres que o Goberno español limita a cifra a 372 persoas, o colectivo legal Alerta Solidaria elévaa a 419 e Òmnium Cultural a 1.616. 

A proposición de lei foi rexistrada en solitario polo Grupo Socialista o 13 de novembro do ano pasado e, aínda que formalmente tramitouse polo procedemento de urxencia, non viu a luz até máis de seis meses despois, despois de que o 30 de maio reunira o apoio de 177 deputados de PSOE, Sumar, Podemos, ERC, Junts, Bildu, PNV, BNG e o ex ministro José Luis Ábalos, fronte aos 172 en contra de PP, Vox, Coalición Canaria e UPN.

Desde a publicación da lei esta terza feira, xudicatura e tribunais dispoñen de dous meses para aplicala. Iso si, ese prazo deterase se se eleva unha cuestión á Xustiza da Unión Europea. O diario oficial tamén abre o prazo de presentación de recursos de inconstitucionalidade e polo menos o PP xa ten anunciado que a impugnará.

A sanción da lei dá paso a unha batalla xudicial pola súa aplicación ante a tentativa do sistema xudicial español, controlado polos conservadores, de freala.

De feito, dous dos fiscais do Tribunal Supremo español que formaron parte do xuízo contra membros do Goberno catalán por organizar un referendo de autodeterminación en 2017 ratificaron onte ao fiscal xeral, Álvaro García Ortiz, a súa negativa a amnistiar a malversación da que acusan o ex presidente catalán, Carles Puigdemont (Junts), que marchou ao exilio pola persecución con parte do seu Goberno, e pola que foi condenado entre outros o ex vicepresidente Oriol Junqueras (Esquerra Republicana de Catalunya, ERC).

Ademais, o xuíz do Supremo Pablo Llarena, a pesar de que a lei recolle que as ordes de detención e calquera medida provisoria terían que ser suspendidas “inmediatamente”, mantívoas vixentes e comunicou á Policía que teñen que ser executadas se xurde a oportunidade.

Comentarios