Agora

Hunter Biden, fillo de J. Biden, presidente dos EUA, hai unha semana. (Foto: Saquan Stimpson / Europa Press / Contacto)
Agora

Hunter Biden rexeita testemuñar na última xornada do xuízo por posesión ilegal de armas

Na última xornada a segunda feira do xuízo nun tribunal estadounidense contra Hunter Biden, fillo do presidente do país, Joe Biden, por tres cargos vinculados con posesión ilegal de armas, Hunter decidiu non presentar testemuño na súa defensa. Tras as declaracións finais, o xurado comezou a deliberar nun caso que se desenvolveu poucos meses antes dos comicios presidenciais nos Estados Unidos, nos que o seu pai busca a reelección.

A selección galega xogou o seu último encontro o pasado 31 de maio de 2024 ante Panamá. (Foto: RFGF)
Agora

O Parlamento Galego debatirá sobre a oficialidade das seleccións deportivas

O Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego (BNG) leva ao pleno que se desenvolverá desde as 10 horas desta terza feira no Parlamento da Galiza unha Proposición non de Lei que reclama o recoñecemento e o impulso das seleccións deportivas galegas nas diferentes disciplinas alén do fútbol, así como o estabelecemento dun calendario de competicións estábeis por parte da Xunta da Galiza e as respectivas federacións. "Non se entende, desde o noso punto de vista, que o Goberno galego non impulse desde as súas competencias que os combinados nacionais poidan defender as cores do noso país, algo que reclaman boa parte da sociedade galega e xogadoras, adestradoras e seareiras", defende o BNG.
Irene (no centro), de Cochoqueiros, foi a mellor entre as mulleres. (Foto: FGDA).
Agora

Abel Regueiro leva o Aberto Billa Melga

O Aberto de Billarda Billa Melga (Museo Etnolúdico da Galiza) alcanzou a súa décimo quinta edición, saíndo vitorioso Abel Regueiro, de Cochiqueiros de Cerceda, que estivo acompañado no podio absoluto por Abel Ponte (Campo da Feira de Paiosaco) e Miranda (Filloas de Sangue da Coruña). Pola súa parte, na categoría feminina gañou Irene de Cochiqueiros, segunda foi Merche (APB A Laracha) e terceira Silvia, tamén da formación de Cerceda. Ademais, entre as crianzas o ouro foi para Lucas (Campo da Feira), seguido por Valentín (Filloas de Sangue) e o seu compañeiro Izan. Ademais, a organización aproveitou o desenvolvemento da competición para homenaxear Ricardo Pérez, "a persoa que puxo empeño e dedicación para que o Melga fose unha realidade" e que leva "15 anos colaborando coa billarda".
Xulgados de Monforte de Lemos. (Foto: Google)
Agora

En liberdade con cargos un home detido en Monforte por agredir a unha muller e un técnico do 061

O Xulgado de Instrución número 1 de Monforte de Lemos decretou esta segunda feira a posta en liberdade con medidas cautelares dun home detido o sábado no municipio por ferir presuntamente unha muller na man na rúa e agredir despois a un técnico do 061 que acudiu ao lugar para atender a vítima. Os feitos que conduciron á detención do investigado tiveron lugar a tarde do sábado nunha céntrica rúa da localidade, onde se produciu unha forte discusión entre o home e a muller que levou os veciños presentes nese momento na vía pública a chamar aos servizos de emerxencias.
O rei emérito, Juan Carlos I, a bordo do 'Bribón' en Sanxenxo (Foto: José Oliva).
Agora

O rei emérito español volta a Sanxenxo, a cuarta vez este ano

O rei emérito español Juan Carlos I converteuse nun asiduo na localidade pontevedresa de Sanxenxo á que volverá, previsibelmente a vindeira cuarta feira e será a cuarta visita no que vai de ano. O motivo da súa viaxe, segundo detallaron fontes da súa, é participar, de ser posíbel, nas regatas que se desputan na localidade e con iso Juan Carlos continuará cumprindo o seu desexo de acudir a todas. Esta visita producirase case un mes despois da viaxe de maio no que pasou cinco días de lecer na Galiza cos seus amigos e familiares e saíu dous días a navegar.

 

o chicote
Agora

Morre un armador de 43 anos de Xove cando se dirixía en barco a faenar no Gran Sol

Un armador de 43 anos do porto de Celeiro (Viveiro, A Mariña), Santiago Díaz, e natural de Xove, na mesma comarca, faleceu por causas naturais cando se dirixía en barco a faenar no Gran Sol, segundo confirmaron fontes da confraría de Celeiro. O home faleceu por causas naturais esta sexta feira, cando o barco decidiu dar a volta e regresar ao porto de Celeiro, onde prevese que chegue na tarde deste sábado. Tal e como avanzou 'El Progreso' e confirmaron a Europa Press fontes do depósito, este home é armador de varios buques e atopábase navegando a bordo do volantero O Chicote.

Un axente da Garda Civil española.
Agora

Investigan a propietaria dunha axencia de viaxes de Abegondo por estafar máis de 5.000 euros a un cliente

A Garda Civil investiga á propietaria dunha axencia de viaxes de Abegondo (A Coruña) por presuntamente estafar 5.105 euros a un cliente na contratación dun paquete vacacional. Segundo informou o Instituto Armado, a investigación iniciouse tras a denuncia dunha veciña de Zas que contratou o paquete e non recibiu o reembolso tras cancelar a viaxe. A denunciante contratou o 10 de maio de 2023 o paquete coa axencia e realizou o pago en dúas transferencias. Posteriormente, o 25 de agosto dese mesmo ano, o cliente cancelou a viaxe por unha emerxencia familiar.

Foto de familia dos premio Zona Press (Foto: Zona Press).
Agora

Ferrol acolleu a gala de entrega dos Premios Zona Press de baloncesto

O centro cultural Torrente Ballester de Ferrol acolleu no será desta sexta feira a gala de entrega da sétima edición dos Premios Zona Press, os únicos que teñen o baloncesto galego como temática principal. Nos mesmos, Raquel Carrera (Valencia Basket) e Agustín Alejos (Amfiv) foron distinguidos como mellores xogadora e xogador galego do ano, respectivamente. Ademais, o líder do recentemente ascendido Básquet Coruña, Diego Epifanio, levou o premio a mellor adestrador dun equipo galego, recoñecemento que no caso dos homes e mulleres sobre a pista foi para a catalá Gala Mestres (Baxi Ferrol) e o balear Sergi García. Do mesmo modo, tamén foron galardoados Miguel Ángel Pérez (mellor árbitro), Nerea Liste e Martín Fernández (mellores promesas) e o dúo Goran Huksic-Murjanatu Musa (mellores extranxeiras).
Peleteiro opta ao podio. (Foto: RFEA).
Agora

Peleteiro e Toimil acceden á final nos Europeos

A expedición galega desprazada até a capital de Italia, Roma, para ser parte dun Campionato de Europa de Atletismo que se estenderá até o próximo 12 de xuño, non puido comezar con mellor pé. Belén Toimil e Ana Peleteiro lograron clasificarse esta sexta feira para a final no lanzamento de peso e o triplo salto, respectivamente, logo de lanzar a mugardesa até os 17,76 metros e voar a de Ribeira até os 14,21. Deste modo, Peleteiro pelexará polo ouro a partir das 21.o4 horas do sábado, mentres que Toimil fará o propio a partir das 21.33 desta mesma sexta feira. Ademais, Adrián Ben buscará emular ás súas compañeiras nos 800 metros lisos ás 19.50 horas do sábado. 
 
O factor campo podería ser determinante para avanzar á final. (Foto: RFEP).
Agora

O Liceo xógase a vida no 'play-off'

Continúa o play-off da OK Liga, a máxima categoría do hóckey sobre patíns estatal na súa modalidade masculina, e o único representante da Galiza, o Deportivo Liceo da Coruña, está obrigado a gañar se quere disputar unha nova final. O 4-2 que apañou no partido de ida, disputado en Catalunya fronte o local Club Esportiu Noia Freixenet, deixou contra as cordas a escuadra herculina, que está obrigada a remontar nun partido de volta que se levará a cabo no Pazo de Riazor ás 20.30 horas da sexta feira. O factor campo pode ser determinante para que a escuadra verdibranca chegue a darlle a volta ao marcador, así como o incentivo de saber que a súa besta negra, eterno rival e máximo candidato ao título, o Barcelona, podería ficar fóra da final se non é quen de levantar o 4-3 do Reus na outra semifinal.
antia e anton masa apdr
Agora

A marcha do 16 de xuño en Marín e Pontevedra rexeita as celulosas de Lourizán e da Ulloa

A tradicional 'marcha contra a celulosa" en Lourizán (Pontevedra) que a Asociación pola Defensa da Ría leva anos impulsando ten este ano a súa cita o domingo 16 de xuño, con saída ás 12 horas das alamedas de Marín e Pontevedra. Este ano o lema da mobilización é o de Nin Ence na ría nin Altri na Ulloa, unindo así dúas mobilizacións sociais contra as celulosas. "Hoxe a Xunta da Galiza apoia submisamente a absurda e ilegal permanencia de Ence na ría, e mesmo auspicia a ampliación das súas instalacións, o aumento da produción, do consumo de auga e materias primas", afirman as convocantes. Ao tempo, engaden, a Xunta "apoia e promove tamén o proxecto de celulosa que a portuguesa Altri quere instalar en Palas de Rei", que terá, advirten, graves consecuencias na comarca.
trigas suevo mondoñedo
Agora

Localizan novos restos nas escavacións da aldea sueva de Trigás, en Mondoñedo

A subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, comprobou os avances no xacemento da aldea sueva de Trigás, en Mondoñedo (A Mariña) tras o descubrimento de novos achados. Trátase do proxecto 'Ecoloc' do Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta intervención, expuxo, permite "descubrir un pouco máis sobre o mundo rural do século VI. "Coñecer o modo de vida dos habitantes desta aldea na época sueva" e así "saber algo máis das nosas orixes", resaltou tamén na visita. A subdelegada felicitou os arqueólogos e arqueólogas e subliñou a aposta do Executivo estatal polo coñecemento e a investigación. Os traballos estenderanse até o 7 de xuño. O asentamento está datado entre os séculos V e VII e achouse unha estrutura habitacional —que podería ser unha casa— e un forno.

Os membros do club de waterpolo da Boa Vila viaxan até Zaragoza. (Foto: CW Pontevedra).
Agora

O Waterpolo Pontevedra, á Copa FANáticos

Un dos certames máis prestixiosos do waterpolo de base a nivel estatal, a Copa FANáticos, contará neste 2024 con representación galega. Trátase do Club Waterpolo (CW) Pontevedra, que viaxará até Zaragoza para ser parte dun torneo da categoría alevín que reunirá desde esta sexta feira e até o 9 de xuño un total de 19 equipos de todo o Estado, sendo 14 deles masculinos e cinco femininos. Porén, nesta ocasión a escuadra da cidade do Lérez non participará en solitario, pois repartirá os seus deportistas en dous equipos, un exclusivo do Pontevedra e outro en combinación co Larraina Navarro, co obxectivo de que todos os rapaces poidan "gozar de máis minutos de xogo e compartir unha experiencia de convivencia con waterpolistas doutros territorios".
 
Epicentro do sismo de Vilamarín. (Foto: IXN)
Agora

Rexistrado un terremoto de magnitude 2,4 en Vilamarín

O municipio de Vilamarín, na comarca de Ourense, rexistrou nas últimas horas un movemento sísmico de magnitude 2,4, segundo recolle o Instituto Xeográfico Nacional. O terremoto produciuse ás 7.35 horas desta cuarta feira, con epicentro en Vilamarín e situado a unha profundidade de 11 quilómetros. Esta madrugada, o IXN rexistrou outro terremoto, de menor intensidade (1,7) no Atlántico, fronte á costa das Rías Baixas e con epicentro a 12 quilómetros de profundidade. Igualmente, o pasado domingo rexistrouse un terremoto de magnitude 1,5 ás 5.23 horas da madrugada. Nese caso, o epicentro estaba a 16 quilómetros de profundidade, no termo municipal de Guntín (comarca de Lugo).
GADIS BOLSA PAPEL
Agora

Gadis recicla e reutiliza 10.000 toneladas de residuos ao ano

Gadis informa que puxo de novo en circulación 10.000 toneladas de cartón, madeira e plástico durante 2023 a través de diferentes sistemas de valorización e proxectos de economía circular. A xestión responsábel dos recursos e residuos en toda a cadea de valor é un dos catro vértices da súa estratexia ambiental, afirma a empresa. Gadis sinala que promove os '3R' (reducir, reutilizar e reciclar) como parte da súa cultura corporativa. Esta filosofía, acrecenta,  permítelle mellorar cada ano as estatísticas en toda a cadea e na súa sede central, onde dá unha nova utilidade "a máis de 95% dos residuos" e levan a cabo 4,8 millóns "de movementos de caixas de plástico e outros envases reutilizábeis, o que frea o emprego 

doutros recursos".

Nerea Pampín no o Campionato de España Sub-23 en 2021 (Foto:Federación Galega de Loita).
Agora

Compostela acolle o Estatal de Loitas Olímpicas

Santiago de Compostela acollerá o vindeiro sábado, día 8 de xuño, o Campionato de España de Loitas Olímpicas na súa categoría absoluta.
O certame, que se desenvolverá integramente nas instalacións do complexo deportivo Municipal de Santa Isabel, foi presentado onte nun acto conducido por Pilar Lueiro, concelleira de deportes, e Pablo Pintos, director técnico da Federación Galega da Loitas Olímpicas. Nos catro tapices instalados no recinto capitalino mediranse máis de 600 deportistas masculinos e femininas -a organización estima que deixen 120.000 euros na cidade- que estarán distribuídos nas modalidades de loita libre, loita grecorromana, loita praia e sambo praia. 
Iván Manoel Montero. (Foto: Fegaci)
Agora

A Laracha e Caión decidirán a Copa estatal de paraciclismo

O Concello da Laracha será xuíz dos campionatos absolutos, individuais e por equipos da Copa de España de Ciclismo Paralímpico, nunha dupla cita deportiva programada na presente fin de semana, concretamente o sábado 8, co Gran Premio de Vilaño, e o domingo 9 de xuño, no GP de Caión, onde baixará o pano o circuíto estatal nas categorías de handbike, triciclo, tándem e bicicletas adaptadas. A primeira desas carreiras consistirá nunha proba en ruta cun percorrido de cinco quilómetros de distancia, estando a saída e a meta instaladas na Praza da Areosa, cuns horarios estimados de inicio e final arredor das 10 e das 13, respectivamente. Pola súa parte, o Gran Premio de Caión do domingo será unha contra o reloxo individual, tamén de cinco quilómetros, e neste caso co punto de partida instalado no miradoiro xunto á estrada DP-1909. 

 

PALESTINA
Agora

Mobilizacións en máis de 30 localidades contra "o asasinato de 19.000 crianzas palestinas"

32 vilas e cidades da Galiza acolleron na tarde da segunda feira, unha semana máis, concentracións para rexeitar o xenocidio en Gaza e solidarizarse co pobo palestino. Nesta ocasión, a denuncia concreta que presidiu as mobilizacións foi a de rexeitar "o asasinato de 19.000 crianzas palestinas", en referencia aos nenos e nenas asasinados na actual ofensiva do Exército de Israel na faixa. As persoas concentradas tamén denunciaron a actitude da UE e dos Estados Unidos ante o que acontece en Palestina, sen estabelecer ningunha medida de presión ou castigo a Tel Aviv para lle obrigar ao cesar o fogo. A "impunidade" do estado de Israel é outra constante nestas mobilizacións, que na Galiza levan desenvolvéndose desde practicamente o inicio da actual ofensiva do Exército israelí na Faixa de Gaza.

Martín, co seu título de campión en Francia. (Foto: FGT).
Agora

Novo éxito de Martín De la Puente no tenis en cadeira

Francia rendeuse ao talento do tenista galego en cadeira de rodas Martín Del Puente, logo de conquistar o Open International de Royan tanto na súa modalidade individual como na de dobres. Na primeira completou unha traxectoria practicamente inmaculada logo de vencer o chinés Shunjiang Dong (6-4, 6-3), o estadounidense Casey Ratzlaff (6-0, 4-6, 6-4) e o nipón Takuya Miki (6-2, 4-6, 6-0) nas semifinais. O seu rival na finalísima foi o arxentino Gustavo Fernández, compañeiro do vigués na competición en parellas no pasado, ao que superou por 7-6 e 4-3. Ademais, e xunto con por Daniel Caverzaschi, deu a sorpresa levantando o trofeo galo en dobres ante os ingleses Egberink e Scheffers. 
Irene (centro), acompañada por Mercedes e Merche (dereita). (Foto: FGDA).
Agora

En xogo tres prazas para a Fase Final da Liga Atlántica de Billarda

A Liga Atlántica de Billarda encara a súa conclusión coa vista posta nunha fase final programada o próximo 30 de xuño. Alí serán 16 os palanadores e palanadoras que medirán forzas co título individual absoluto en xogo, estando xa clasificados Abel Ponte, Collazo, Lito, Riveiro, Óscar Ponte, Viqueira, Eladio, Abel Regueiro, Roi, Valentín, Juan Carlos, David, Xulio e Berdi. Isto significa que tan só quedan por repartir dúas prazas, ás que aspiran Gándara (246 puntos), Bonxe e Miranda (235 ptos) nunha derradeira xornada da liga regular programada o vindeiro 15 de xuño no Burgo (Culleredo). Con Gándara virtualmente na seguinte rolda, dados os seus 11 puntos de vantaxe, todo apunta a que Bonxe e Miranda pugnarán polo décimo sexto boleto, mais sen ignorar o campión de 2024, Marco, que ten 229 puntos.