Besteiro espera que o PP "reconsidere" a súa postura sobre a amnistía: "Trátase dun "debate estéril e pasado"

Así se pronunciou Besteiro tras a toma de posesión do novo subdelegado do Goberno estatal en Ourense, Eladio Santos.
José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou esta quinta feira que confía en que o Partido Popular "reconsidere" a súa posición sobre a Lei de Amnistía, acusando á formación de promover un "debate estéril" e lembrando que "os cidadáns xa se pronunciaron" sobre esta cuestión que foi aprobada no Congreso español.

Así se pronunciou Besteiro tras a toma de posesión do novo subdelegado do Goberno estatal en Ourense, Eladio Santos, nun acto que contou coa presenza do delegado do Executivo español na Galiza, Pedro Blanco, entre outras autoridades.

Ao remate, preguntado pola recente aprobación da lei de amnistía así como pola decisión do PP de presentar un recurso de inconstitucionalidade, o líder do PSdeG convidou o PP "a tomar boa nota das experiencias positivas de convivencia e diálogo" do Partido Socialista, das que garantiu que "están a dar resultados".

Deste modo, dixo que o anuncio do PP "non sorprende a ninguén" e lamentou que se trata dun "debate estéril e pasado". Segundo o seu criterio, con esta lei "mellorarán as relacións dentro da aposta polo diálogo e a convivencia", dixo, comparándoo coa situación anterior, co Partido Popular, "onde estabamos ao bordo da independencia, da secesión e da ruptura".

Nesta liña, asegurou que seis anos despois "tense visto que a receita do PSOE é a boa, non xera ningún tipo de trastorno", incidiu apuntando que o PP "só fala diso e non poñen outras iniciativas sobre a mesa". Con todo, deixou claro que se o Partido Popular expón este recurso no Constitucional, o PSOE aceptará "o resultado do pronunciamento". "Como o facemos cando as sentenzas non son favorábeis a cuestións que defende o Partido Socialista", apostilou.

Visita de Von der Leyen

A maiores, marcou a súa posición sobre a visita da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, á Galiza, anunciada para o vindeiro sábado en Santiago de Compostela, onde falará co líder do Partido Popular a nivel estatal, Alberto Núñez Feixoo, sobre a situación da amnistía.

"Paréceme fenomenal, creo que non hai ningún inconveniente en que veña. O que me preocupa a min destas eleccións -as europeas do próximo 9 de xuño- é o camiño que temos que levar adiante", dixo o líder do PSdeG.

Comentarios