O BNG levará á Cámara a "alarmante situación de colapso" da área sanitaria de Ourense

A deputada nacionalista Noa Presas e o seu compañeiro de filas Iago Tavares ofreceron esta segunda feira unha rolda de prensa na que aseguraron que a área ourensá atravesa unha "situación preocupante e de urxencia".
A deputada do BNG Noa Presas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada do BNG Noa Presas (Foto: Nós Diario).

O BNG anunciou a presentación dunha batería de iniciativas parlamentarias sobre a "alarmante situación de colapso" dos servizos na área sanitaria de Ourense. A deputada nacionalista Noa Presas e o seu compañeiro de filas Iago Tavares ofreceron esta segunda feira unha rolda de prensa na que aseguraron que a área ourensá atravesa unha "situación preocupante e de urxencia".

Segundo resaltou Presas, a zona padece un problema de "falta de persoal" e de empeoramento dos tempos de espera, tanto en atención primaria como en hospitalaria, o que ligou cun informe do Consello de Contas que, segundo a parlamentaria, "demostrou como aumentou a privatización" dos servizos da área.

"Vemos que este proceso avanza en Ourense coa compra de Cosaga e o Carmen polo Grupo Recolectas Salud e co anuncio dun novo hospital", dixo a deputada, que pediu á Xunta da Galiza que achegue medidas para paliar asuntos como a "falta cobertura de pediatría" ou a situación "absolutamente vergoñenta" do Hospital Materno tras o desprendemento do teito na sala de partos producida hai medio ano.

A parlamentaria e o parlamentario nacionalistas engadiron que tanto ese área como o conxunto do materno "presentan deficiencias" e protestas de usuarias e profesionais por "unhas instalacións máis propias da II Guerra Mundial que do século XXI", recriminou Presas, que tamén deu conta dos datos coñecidos a pasada sexta feira referidos ás listas de espera, facilitados polo propio Sergas, que cualificou de "demoledores".

"Ourense volve ter as peores listas de espera da Galiza", sostivo para explicar que empeoraron de 117 días de espera a 130, case o dobre da media galega, que se atopa nos 73,4. Ademais, relatou que en oftalmoloxía hai máis de 10.000 persoas esperando unha cita, en rehabilitación son 7.000, en traumatoloxía case a mesma cifra e en dermatoloxía máis de 2.000.

A maiores, lamentou que no hospital de Ourense "a situación é límite tamén no ámbito cirúrxico". "Esperamos 70 días para operarnos cando a media galega é de 67,5 e a isto súmase a situación da sanidade privada, que ten repercusións na pública", continuou Presas, que puxo especial fincapé en que "20% da atención sanitaria é derivada e iso é especialmente intenso nas cirurxías menores e en probas radiodiagnósticas".

Ante todos estes condicionantes, a formación avanza que esta cuarta feira levará ao Parlamento da Galiza unha proposición non de lei para pedir un informe sobre a situación da sanidade ao Consello Galego de Competencia. Ademais a próxima semana abordará os problemas do edificio materno infantil e da sala de partos do CHUO, así como a necesidade de elaborar e implementar un plan de choque para as listas de espera, especialmente en oftalmoloxía, dermatoloxía, rehabilitación e traumatoloxía.

Comentarios