Eleccións Europeas 9-X

Rueda salienta o apoio ao PP e xustifica pactar con Vox: "Son coalicións perfectamente entendíbeis"

O presidente galego estaba esta segunda feira "contento" cos resultados electorais do domingo. Unha vitoria "clara" do PP na Galiza e no Estado, afirmou. Se ben dixo "celebrar" que Vox e Se Acabó La Fiesta tiveran na Galiza dos seus peores resultados no Estado, xustificou os pactos do PP coa ultradereita alí onde sexan necesarios. "Son coalicións completamente entendíbeis", afirmou.
O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, esta segunda feira tras o Consello da Xunta. (Foto: Xunta da Galiza)
photo_camera O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. (Foto: Xunta da Galiza)

Galiza é motivo de satisfacción para Alfonso Rueda, e así o manifestou na súa comparecencia após a reunión semanal  do Goberno galego. "Son uns resultados claros", afirmou o tamén presidente do PP galego, "e celebro que esteamos entre as tres comunidades con maior apoio ao Partido Popular" canda A Rioxa e Castela e León. Un mapa, ademais, no que Ourense e Lugo son as dúas provincias nas que o PP obtén uns mellores resultados: a primeira e a segunda, respectivamente.

Rueda apunta a que a do domingo foi unha vitoria electoral "con contundencia" tanto na Galiza como no Estado español e que supón un "reforzo" para Alberto Núñez Feixoo. A preguntas da prensa de como valora que Vox e Se Acabó La Fiesta —a formación do ultra Alvise Pérez— tivesen na Galiza dos seus peores resultados no Estado —a suma de ambos os dous apenas supera 6% dos votos—, Rueda dixo "celebrar" ese escaso apoio. Achacou eses malos resultados da ultradereita a que "os galegos confían no PP e fala ben do traballo que facemos no Partido Popular e no Goberno galego".

Porén, e a ante unha nova pregunta da prensa sobre o peso da extrema dereita no Estado e o seu papel de socio do Partido Popular, Alfonso Rueda veu emendar o declarado por el propio había só uns minutos. "Son coalicións perfectamente entendíbeis", manifestou, sobre os pactos do PP e Vox en varias comunidades e concellos. "Ten [o PP] todo o dereito do mundo a facer esas coalicións" de Goberno, no que implica de "garantir a gobernabilidade e a estabilidade", dixo.

O titular da Xunta da Galiza criticou, iso si, e como xa ten realizado en varias ocasións durante estes meses, os pactos de Goberno que poden darse no Estado español ou en determinados territorios entre o PSOE e forzas nacionalistas e independentistas.

"Non toda é igual"

Estas manifestacións realizounas Rueda unha semana despois de que, tamén na comparecencia após a xuntanza semana do Consello da Xunta, afirmara que non toda a ultradereita "é igual".

"Non todos os partidos de ultradereita son iguais", dixo entón Alfonso Rueda a preguntas da prensa. Citou Giorgia Meloni, presidenta de Italia, como ese exemplo de ultra que non sería tan ultra, malia as súas políticas de man dura en inmigración, recortes en políticas sociais ou en dereitos cara ás mulleres. Situábase así o presidente na liña defendida por Núñez Feixoo uns días antes sobre ter socios entre a ultradereita "menos extremista".

Comentarios