O CIS confirma o perfil do votante do ultra Alvise: homes, 'abstencionistas', novos votantes e de dereitas

Os datos cruzados do CIS por idade, sexo, recordo de voto, localización ideolóxica e identificación subxectiva de clase lanzan máis pistas sobre o nicho electoral da candidatura que deu a sorpresa o pasado 9 de xuño ao facerse con tres escanos no Parlamento Europeo.
O líder ultra Alvise Pérez. (Foto: Europa Press)
photo_camera O líder ultra Alvise Pérez. (Foto: Europa Press)

O barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) correspondente a este mes de xuño confirma que o votante medio de Se Acabó La Fiesta (SALF), a agrupación de electores ultradereitista do eurodeputado electo Luis 'Alvise' Pérez, é un home novo que se autodefine de dereitas e de clase baixa, e que nas anteriores eleccións estatais ou ben non tiña aínda dereito a voto ou colleu a papeleta de Vox.

Os datos cruzados do CIS por idade, sexo, recordo de voto, localización ideolóxica e identificación subxectiva de clase lanzan máis pistas sobre o nicho electoral da candidatura que deu a sorpresa o pasado 9 de xuño ao facerse con tres escanos no Parlamento Europeo, ao mesmo nivel que Sumar e que a coalición Agora Repúblicas, formada por ERC, Bildu e BNG.

Xa as enquisas preelectorais do CIS sobre as europeas puxeran de manifesto que SALF ten moita mellor acollida entre os homes que entre as mulleres e que triunfa entre o electorado máis novo e próximo a Vox.

No barómetro de xuño, realizado en vésperas das europeas, 1,1% dos enquisados e enquisadas asegura ter xa decidido o seu voto ao partido de Alvise Pérez, pero as reviravoltas da enquisa permiten ver porcentaxes maiores en determinados segmentos de poboación, o que permite sinalar os seus principais nichos de votantes.

Así, 4,6% de quen votaron Vox en xullo de 2023 anuncian xa o seu respaldo a SALF, o mesmo que o 4,9% de quen entón se decantaron polo PNV ou por un voto nulo, 1,9% dos que se abstiveron e 0,8% de quen apoiaron o PP.

 

E destaca especialmente que 15,6% de quen non tiñan dereito a voto hai un ano están agora decididos a coller a papeleta deste novo actor da extrema dereita cando concorra ás próximas eleccións estatais, como xa anunciou que fará.

A variábel de voto do CIS por sexo constata que ten un claro nicho masculino, pois o comunicador ultra conta xa co apoio de 1,9% dos homes entrevistados e só de 0,3% das mulleres. E, por treitos de idade, 'pesca' sobre todo no abano de entre 18 e 24 anos (2,1%), aínda máis entre os que están entre 35 e 44 (2,9%) e tamén, aínda que en menor medida, entre os de entre 25 e 34 (1,1%).

Segundo os datos de escala de autoubicación ideolóxica, o electorado de Alvise sitúase maioritariamente á dereita. En concreto, nunha escala que vai do 1 (esquerda) ao 10 (dereita), copan os postos 9 (2,3%) e 10 (3,6%) e tan só 0,1% fica por baixo do 5.

Se se consulta o que o CIS define como 'identificación subxectiva de clase', 2,2% de quen se consideran "clase baixa/pobre" xa adiantan o seu apoio apoio a SALF, seguidos do 1,1% de quen se ven como clase media-baixa e o 1,1% que se di de clase alta e media-alta.

Por último, a respecto da situación laboral de quen optarían por Alvise Pérez, chaman a atención o 5,2% que traballan como "persoal de apoio administrativo" e o 2,9% que son agricultores, traballadores agropecuarios, forestais e pesqueiros. Iso si, tamén figuran un 2,7% de directores e xerentes de empresas.

Comentarios