O alcalde de Ourense recorrerá a sentenza por acoso ao interventor municipal

O PSdeG insiste no seu chamamento a unha moción de censura, aínda que sen nomeala.
Gonzalo Pérez Xácome, en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, en Ourense (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (DO), avanzou que recorrerá a sentenza que o condena por acoso laboral ao interventor municipal. Así o expuxo no pleno ordinario municipal do mes de xuño, durante a quenda de rogos e preguntas a cuestións do Partido Socialista, cando a edil María Fernández preguntou como ía actuar. "O Concello vai recorrer, o Concello e eu, supoño que os dous", contestou o alcalde.

A pesar de que o comentario foi ao final da sesión plenaria, durante toda ela os grupos da oposición sacaron o tema. "O pequeno ditador é agora, a maiores, acosador", dixo a voceira do PSdeG, Natalia González, coincidindo co portavoz do Bloque Nacionalista galego, Luís Seara, quen expresou que "é agora un xulgado o que di que é un acosador", para engadir que "o desexábel" sería que non estivese a presidir o pleno.

Con esa frase coincidiu tamén Natalia González nunha intervención posterior. "Coincido co BNG en que non debería estar nesa cadeira, pero avánzolle, compañeiro Luís Seara, que me encantan os cogomelos, mais non estamos en tempada. Estamos en tempada de consensos e acordos por Ourense", dixo facendo un chamamento directo á formación nacionalista e aludindo a unha moción de censura, sen nomeala.

"Para isto non hai dous sen tres e estarán de acordo comigo en que hai que convencer ao Partido Popular, porque así nolo solicitaron expresamente aos socialistas", dixo González, quen sostivo que, a pesar de que o BNG reiterou ao longo da semana a súa reticencias coa formación popular debido ao acordo de investidura con Xácome: "Non teño ningunha dúbida, e nunca a tiven, que o Bloque Nacionalista Galego ten vontade e compromiso".

Postura do PP

Pola súa parte, a edil do PP, Noelia Pérez, cuestiona "cal é o prezo dos catro votos do BNG?". Prevé que esta condena do rexedor municipal "non vai ser a última" porque dixo que hai outros traballadores "acosados por non ceder a presións e chantaxes".

Nesta liña, a coordinadora do grupo popular falou da situación do Concello criticando que se chegou "a un gasto desorbitado sen que os cidadáns teñan mellores servizos", a pesar de que "acabarán pagando cos impostos de todos" e así manifestou que "a cultura agoniza, o tecido social se desintegra e a liberdade de prensa está atacada". "Canto nos vai a custar este caso de acoso aos ourensáns?, quen o vai a pagar? Dicide", agregou.

Réplica de Xácome

"Dixo Noelia que esta denuncia por acoso laboral non será a única, supoño que terá información privilexiada dalgún traballador que casualmente ía na súa lista electoral. Ábrese a veda, calquera que recibise críticas en público do alcalde ten luz verde para denunciar por acoso e gañar", dixo como resposta o rexedor, para a continuación engadir: "Iso é o que di ela".

"Vaia vostede ao xulgado que lle van a dar unha condena por acoso, ou sexa, todos aqueles traballadores que se viron aludidos poden ir ao xulgado para pedir unha condena por acoso, porque moita xente cree que acoso é o típico tema de castigo en privado, aquí falamos de críticas en público", continuou Xácome. "Non queremos transparencia? Pois é en público", ironizou.

Xa na quenda de rogos e preguntas o BNG volveu consultar quen fará fronte ao pagamento dos 30.000 euros de indemnización ao interventor pola sentenza de acoso laboral, que aínda non é firme. "Que vas facer ti cando te boten a patadas do Bloque? Non podes responder a algo que non sucedeu. Entón cando haxa unha sentenza firme faime esa pregunta, posme a falar de futuríbeis", contestou o alcalde a Xosé Puga, edil da formación nacionalista.


O TSXG anula o nomeamento dunha praza no Consello Municipal de Deportes

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou unha praza do Consello Municipal de Deportes (CMD) de Ourense, creada polo Concello durante o mandato do actual alcalde, Gonzalo Pérez Xácome (DO), por ser cuberta mediante libre designación, no canto de por concurso público.

Comentarios